A igualdade entre homes e mulleres é un principio xurídico de carácter universal, e así se recolle tanto na Declaración Universal de Dereitos Humanos de 1948 como na Convención sobre a eliminación de todas as formas de discriminación contra a muller, aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en decembro de 1979 e ratificada no ano 1983 polo Estado Español.
A este respecto, e dadas as sucesivas lexislacións, medidas, pactos e cartas publicadas no tratamento da igualdade entre homes e mulleres, existe un amplo elenco de normativas, que poderíamos clasificar segundo o seu ámbito de alcance. Primeiramente, existe, por suposto, un gran marco xurídico global, cuxo inicio cronolóxico pode ser situado na Carta das Nacións Unidas, asinada en San Francisco no ano do nacemento do organismo, 1945, á que seguiría a devandita Declaración Universal dos Dereitos Humanos, proclamada tres anos máis tarde. Nas seguintes décadas, diferentes declaración e convencións continuaron analizando a situación das mulleres do mundo e poxando pola igualdade total en materia de dereitos entre homes e mulleres.
Tamén no plano internacional, cabe salientar a actividade da Unión Europea neste ámbito, xa dende o mesmo Tratado Constitutivo da Comunidade Económica Europea, asinado en Roma no ano 1957, e seguido dos tratados de Maastricht (1992) e Ámsterdan (1997). Tamén é preciso resaltar neste aspecto o Convenio do Consello de Europa sobre prevención e loita contra a violencia contra a muller e a violencia doméstica, asinado en Istambul o 11 de maio de 2011, así como as sucesivas directivas, decisións, recomendacións, resolucións, informes e regulamentos desenvoltos pola UE.
A continuación, no ámbito estatal, existe tamén un marco xurídico para todo o territorio español: o marcado pola Constitución Española e ampliado pola Lei 39/1999 para promover a conciliación da vida familiar e laboral das persoas traballadoras, a Lei orgánica 1/2004 de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de xénero, Lei Orgánica 3/2007 para a igualdade efectiva de mulleres e homes e máis o Real Decreto Lexislativo 2/2015, de 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores.
E por último, e non menos importante, cabe especificar tamén o marco xurídico autonómico, composto principalmente polo Decreto Lexislativo 2/2015 polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, a Lei 11/2007 para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero e máis a Lei 2/2014 pola igualdade de trato e non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia.
Queres coñecer exactamente cales son as diferentes medidas e textos legais en materia de igualdade e nos diferentes marcos xurídicos? Nesta ligazón poderás examinalos e mesmo acceder ás publicacións orixinais.
